Presentamos a Plataforma Online!!

Presentamos a Plataforma Online!!

Hoxe, e tras varios meses de traballo, fixemos a presentación oficial da nova Plataforma Online «Mares de Cultura os Nenos e o Mar».

A presentación oficial da plataforma online da campaña “Mares de Cultura, os nenos e o mar 2020-2021” tivo lugar o xoves 17 de Decembro ás 12:30h no CENIMA de Foz. Neste acto, o presidente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal, Javier Martinez Otero, a técnico do GALP de A Mariña-Ortegal Verónica Díaz Guerreiro, o alcalde de Foz Fran Cajoto e o xerente de Maremasma, Carlos Gil, presentaron o proxecto aos medios de comunicación. Tamén estiveron presentes outras entidades colaboradoras, a técnico de medioambiente do Concello de Foz, Vanesa Iglesias; a xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (CCA/ACIA de Foz) Ana Segade; así como as coordinadoras do proxecto Lucía Pedrouzo e Ana de Lara. Na presentación mostramos ademais a plataforma online do proxecto co novidoso sistema de educación interactiva. 

 

 

A campaña escolar “Mares de Cultura, os Nenos e o Mar 2020”, promovida polo GALP A Mariña-Ortegal, preséntase nesta sexta edición como unha ferramenta interactiva online de sensibilización e divulgación dos valores e dos recursos do mar, a través dunha serie de materiais dixitais con vídeos, ilustracións e imaxes. O programa adáptase a situación de incertidume ocasionada pola crise do Covid19 e cambia o seu enfoque cara unha plataforma de contidos online. O principal obxectivo é a realización dunha serie de actividades e dinámicas dixitais orientadas a estudantes de primaria e secundaria para dar a coñecer o entorno litoral de A Mariña-Ortegal e para descubrir os recursos naturais e as problemáticas do medio ambiente mariño. Tamén poñer en valor as artes e tradicións pesqueiras relacionadas coa pesca artesanal e a cultura mariñeira. Persegue ademais, provocar na poboación escolar un cambio de perspectiva cara o respecto do medio mariño e uns hábitos de consumo responsable dos produtos do mar.

Os contidos divídense en 4 Unidades Didácticas, 4 específicas de primaria e 4 de secundaria. Cada unha delas elabórase de acordo coa adaptación curricular da normativa vixente en relación á lei da LOMCE da Xunta de Galicia. Cada unha das Unidades Didácticas englóbase en varios bloques descritos no currículum educativo de diferentes materias. Ademáis cada tema está adecuado ao nivel educativo e é unha ferramenta inclusiva, adaptando o vocabulario ás aptitudes e destrezas de cada nivel e ao grado cognitivo de cada alumno.

 

 

O proxecto xira sobre a creación de diversas ferramentas interactivas online de sensibilización e divulgación dos valores e dos recursos do mar, a través dunha serie de materiais dixitais. Estes contidos están dispoñibles na páxina web da campaña a través do acceso directo á “Plataforma online” (http://plataformaonline.maresdecultura.es/).

 

 

Elaboramos ademáis as guías do profesorado que son unha ferramenta imprescindible para o seguimento da materia por parte dos docentes. Neste documento o profesorado pode consultar a adaptación curricular da materia para incluir a plataforma na súa docencia. Na guía, ademais dunha introducción e dos obxectivos de cada Unidade Didáctica, inclúense cada unha das páxinas dos temas tratados na plataforma online. Apórtanse datos interesantes relacionados co tema a tratar, que enriquecen a información presente na plataforma e amplian o coñecemento do profesor con respecto á materia. Nestes documentos, a disposición do profesorado, inclúense propostas de actividades para realizar co alumnado na natureza, na aula ou experimentos no laboratorio.  Mediante estas iniciativas preténdese concienciar e facilitar o aprendizaxe dunha maneira divertida.