Visitamos San Ciprián e Viveiro co IES Cabo Ortegal de Cariño

Visitamos San Ciprián e Viveiro co IES Cabo Ortegal de Cariño

Durante a xornada de onte visitamos San Ciprián e Viveiro con alumnos do IES Cabo Ortegal de Cariño dentro do programa “Mares de Cultura, os Nenos e o Mar”, promovido polo GALP A Mariña Ortegal.

Pasamos a mañá en San Ciprián onde coñecimos a Paco e a longa historia que ten a súa familia no oficio da Carpintería de Ribeira. É sempre un luxo poder disfrutar do seu enorme coñecemento sobre un oficio en perigo de extinción. Saímos da Carpintería directos ao Museo Provincial do Mar, para coñecer máis sobre o pasado mariñeiro da comarca e a historia da caza de baleas, un recursos que durante varios séculos fixo prosperar a moitas familias do territorio, aínda que remataron rápido xa que en poucos anos non quedaron baleas, e xa no ano 1986 entrou en vigor a moratoria internacional da caza de baleas.

 

Pola tarde achegámonos a Viveiro para visitar a granxa de coral Reef Water, onde Vanesa nos ensinou o maravilloso mundo dos corais e tódalas súas posibles aplicacións en multitude de campos. Agradecer ao centro IES Cabo Ortegal pola súa participación na campaña.