Natureza na ría do Masma e redeiras en Burela

Natureza na ría do Masma e redeiras en Burela

Esta semana estivemos co IES San Rosendo de Mondoñedo participando nas actividades do programa «Mares de Cultura os Nenos e o Mar». Durante a xornada do martes desprazámonos ao centro para realizar unha charla sobre recursos mariños e biodiversidade do entorno de A Mariña-Ortegal, onde os alumnos coñeceron un pouco máis o medio mariño do noso territorio.

As actividades completáronse cunha saída para descubrir a natureza da ría do Masma e a actividade do porto de Burela, en concreto a labor das redeiras.

Durante a xornada, realizamos un pequeno percorrido pola ría do Masma, onde os escolares levaron a cabo un censo de aves. Equipados, en diferentes equipos de mostraxe, con prismáticos, fichas de identificación e caderno de notas, os diferentes grupos puideron recoñecer varias especies de aves características dos entornos de humidais costeiros como as píllaras, garzas, garzotas, mazaricos, gaivotas e bilirucos entre outras observacións. O día era complicado para as observacións, xa que soplaban ventos moi fortes do nordés, aínda así tivemos a sorte de avistar individuos de diferentes grupos que fixeron que os escolares mostrasen un enorme interese pola fauna local.

 

A xornada completábase, nun plan inicial, cunha dinámica de especies invasoras na zona das praias e sistemas dunares de Rapadoira e Llás, pero que por motivos dos fortes ventos tivemos que cancelar. Realizamos no seu lugar unha visita ás redeiras de Burela, onde os participantes coñeceron as diferentes artes de pesca guiados por María Jesús. Durante esta visita os escolares tamén entenderon a importancia dunha correcta xestión pesqueira e os posibles impactos que poden causar diferentes artes e aparellos de pesca nas aves.