Descubrindo os arrecifes de coral co CEIP Cervo nº1

Descubrindo os arrecifes de coral co CEIP Cervo nº1

O pasado día 6 visitamos con alumnos de primaria do CEIP Cervo nº1 a granxa de coral Reef Water en Viveiro, dentro do programa «Mares de Cultura, os Nenos e o Mar» promovido polo GALP A Mariña-Ortegal.

A visita comezou cunha charla de Carlos Gil, o noso biólogo mariño, sobre a labor do GALP e a divulgación dos recursos do mar no territorio na que tratamos diferentes aspectos sobre a importancia dos océnos, biodiversidade e ecoloxía mariña, problemáticas de contaminación e impacto humano. A continuación visitamos a granxa de coral Reef Water, onde Vanesa nos explicou o traballo que están a desenvolver neste centro punteiro de cría de coral de augas tropicais. «O proceso é longo e laborioso ata chegar a ter unha instalación como a que temos a día de hoxe», explica Vanesa. Ademáis de criar corais que usan para a venda no mundo da acuariofilia mariña, o proxecto está crecendo cara a liña da investigación para aproveitar os productos e extractos destes complexos organismos. Unha das liñas que están traballando neste último ano está relacionada coa farmacoloxía e a cosmética de productos a base de extractos de coral, desenvolvendo cremas e aceites para o tratamento de enfermidades da pel, estudos que realizan en colaboración coa Universidade da Coruña.

Desde o GALP A Mariña-Ortegal agradecemos a Reef Water que nos brinda a oportunidade de coñecer de cerca o seu proxecto e ó Concello de Viveiro por cedernos o espazo da aula de Magazos para realizar as charlas. Agradecer tamén aos profesores do CEIP Cervo nº1 pola súa participación no programa escolar.